Friday 03 de May de 2024

O Concello inicia a reforma integral das rúas Condes e Barrio Fontiña, en Corme-Porto


 Trátase dunha importante obra que inclúe o asfaltado dun pavimento de formigón combinado con adoquín tras a previa dotación de rede de saneamento e renovación de abastecemento

O Concello de Ponteceso vén de dar inicio aos traballos para executar a reforma integral das rúas Condes e Barrio Fontiña, en Corme-Porto. Trátase dun importante proxecto que dá continuidade ás actuacións de urbanización na parroquia e que rematará cunha nova pavimentación en 460 metros cadrados desas dúas rúas e uns novos sistemas de saneamento e abastecemento.

Por unha banda, a empresa adxudicataria terá que dotar ambas as dúas rúas de redes separativas de saneamento mediante a canalización dunha nova rede de augas fecais e outra de pluviais, coas súas arquetas e pozos correspondentes. Ademais, instalarase unha nova renovada rede de abastecemento ao substituír as canalizacións actuais de fibrocemento por outras de polietileno.

Unha vez remate esa instalación, executarase a pavimentación, que estará rematada por unha capa de formigón desactivado combinado con adoquín. Trátase dunha solución semellante á existente nas rúas xa reformadas con anterioridade.

Deste xeito, unha vez rematen as obras dentro de seis meses, a zona obterá un profundo lavado que mellorará non só a accesibilidade, senón os servizos da veciñanza. Todo tras un investimento de 72.300 euros (87.483 con impostos), orzamento gañador tras o proceso de licitación. Dito investimento será financiado a cargo do Plan Único do ente provincial.